revista nordeste

Sobre a revista

Coa chegada da transición democrática, en Cariño aparecen novas iniciativas veciñais como a publicación da reivindicativa revista NORDESTE.

Nace no ano 1975 no seo da Agrupación Xuvenil que leva o mesmo nome, a iniciativa de dous párrocos, Francisco Martínez Sánchez “Pacurri” e Atilano Maciñeira, e do grupo de rapaces e rapazas que forman parte da asociación. Outro sacerdote, Salustiano Pedre, xoga tamén un papel relevante nos primeiros anos da revista.

Dende un primeiro momento a revista convértese no voceiro do pobo de Cariño, recollendo as súas reivindicacións por un Concello propio, as loitas a prol dun instituto de secundaria, etc. así como os acontecementos que teñen lugar durante estes anos (actividades culturais, deportivas, e mesmo bautizos, matrimonios ou defuncións).

Tamén inclúe entrevistas, artigos de opinión e outras colaboracións tanto da veciñanza como de persoeiros da cultura e da política galega e nacional. As portadas e as ilustracións son feitas por Lorenzo Fojón, Fernando Ramil ou Nito, entre outros.

A publicación é distribuída nas parroquias, tamén por Galicia e unha parte importante da tirada envíase á veciñanza que está na emigración: Francia, Suiza, Inglaterra,…
Podemos dividir a historia da revista en cinco épocas.

1ª época

1975-1981.
O primeiro número sae en maio de 1975. De tirada mensual, esta primeira época está composta por 74 números, rematando en setembro de 1981.
Editada con poucos medios, a composición e a impresión teñen lugar no propio local parroquial por parte do equipo redactor.

2ª época

1981-1983.
Non hai pausa na publicación da revista, que agora comeza a tirarse en imprenta. O primeiro número da segunda época sae en outubro de 1981.
De tirada mensual, esta segunda etapa componse de 27 números, rematando a mesma cunha revista dobre (números 26 e 27) correspondente a novembro e decembro de 1983.

3ª época

1988-1989.
A terceira época comeza despois da segregación do Concello, en setembro de 1988. É a Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño quen asume a edición e publicación da revista. Non existe continuidade no tempo, e a súa saída á rúa depende das circunstancias, especialmente económicas, da asociación.
Esta terceira época consta de sete números. O número 0 sae en setembro de 1988, o número 1 en outubro e o 2 en decembro deste mesmo ano. En 1989 saen os números 3 a 6 nos meses de marzo, xuño, agosto e nadal respectivamente.

4ª época

1993.
A cuarta época consta de 4 números de periodicidade mensual, que aparecen os días 29 de xaneiro, 26 de febrero, 26 de marzo e 29 abril de 1993. Subtitulado “Xornal mensual interasociativo”, a revista convírtese nun boletín informativo de oito páxinas.

5ª época

1995-1996.
A quinta e, de momento, última época sae á luz dous anos despois e comprende só dous números. Cun custo de 200 pesetas, a publicación corre a cargo da Asociación de Veciños de Cariño, aínda que é editada por unha comisión de traballo constituída, tal e como sinala o editorial, por xoves cariñeses, en colaboración coa propia Asociación, pero con criterios propios.
Os problemas da asociación e a dificultade de atopar persoas que colaboren na redacción explican a curta duración desta etapa, cuxos dous números aparecen en xullo de 1995 e xaneiro de 1996.

primeira revista

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.